mércores, 17 de xuño de 2026

A caixa espertou

 Conseguístelo.

A tarxeta musical estaba incompleta, as pistas non eran doadas e a caixa parecía gardar máis segredos dos que podiamos imaxinar. Pero, traballando en equipo, atopastes as notas agochadas, completastes a melodía, perforastes a tarxeta e fixestes xirar a caixa.

E entón, por fin, chegou a comunicación.

Agora xa sabemos que as músicas que enviamos polo universo non se perderon no espazo. Chegaron ao seu destino. Alguén, nun planeta moi afastado, escoitounas. E non só iso: tamén nos pediron axuda para unha misión que aínda está chea de misterio.

Este curso fixestes moitas cousas importantes. Investigastes, bailastes, gravastes, creastes historias, resolvestes enigmas, enviastes música máis alá da Terra e demostrastes que poucos nenos tamén poden facer cousas enormes cando traballan unidos.

A caixa de música acaba de abrir unha porta, pero esa porta non se pechará hoxe. O que vistes no vídeo é só o comezo. A misión extraterrestre continuará o próximo curso, e daquela teremos que descubrir quen nos falou, que está pasando realmente nese planeta lonxano e como pode axudar a música da Terra a resolver un problema que vén de moi lonxe.

Pero agora toca descansar.

Xunto co vídeo recibín outro pequeno sinal. Era moi breve, pero puiden descifrar unha parte. Dicía que tamén eles, dende o outro lado do universo, vos desexan un verán cheo de alegría, descanso, xogos, aventuras e música.

E deixaron algo máis.

Un agasallo especial para mirar cara ao ceo doutro xeito. Non serve para ver planetas afastados nin naves espaciais, pero si para observar con seguridade un deses momentos raros nos que o universo parece querer ensinarnos un segredo. Un fenómeno difícil de apreciar a simple vista, deses que lembran que a Terra, a Lúa e o Sol tamén forman parte dunha inmensa danza no espazo.

Gardádeo ben.

Quizais este verán, cando miredes cara arriba, lembredes que nalgún lugar moi afastado alguén xa escoitou a nosa música.

Bo verán, exploradoras e exploradores musicais e moitas grazas polas cunchas e outros agasallos que me deixastes. De seguro que eu tamén terei novas misións para vós o próximo curso!

A caixa queda en silencio por agora.

Pero non apagada.









Un momento... que onde está o agasallo? O sinal só di que se esconde detrás de Pipo 😉