O misterio do Courel
luns, 8 de setembro de 2025
Nova misión: O cole dos teus soños
venres, 20 de xuño de 2025
📜 MENSAXE FINAL DE CURSO: "Non todas as misións rematan en xuño..."
Ola, amigas e amigos do pasado!
Chegou o final do curso… e vaia curso máis incrible! Superastes misións complicadas, ideastes melloras para a aula, investigastes recunchos ocultos e incluso manexastes o tempo ó voso antoxo para cambiar o futuro. Estou moi orgulloso de vós!
Pero atención: o curso rematou, si… ¡pero as misións non!
Á volta das vacacións, haberá máis aventuras, novas tarefas e algunha sorpresa pendente.
Despois do verán, iremos vendo pouco a pouco os resultados do traballo feito: cousas que se transformaron, ideas que se puxeron en marcha, espazos que se irán volvendo máis vosos. Todo grazas á vosa imaxinación e esforzo.
Agora tócalle ao corpo e á mente descansar. No verán hai que cargar as pilas, xogar, rir, nadar, durmir, explorar… para volver en setembro con moitas ganas de aprender e preparados para superar novos retos que vos farán medrar aínda máis.
E antes de despedirme… teño que contarvos un segredo.
🔎 Revisando cousas na escola do futuro, atopei algo que quedou perdido na vosa aula dende a época da profe Raquel. Non sei como foi parar aí nin quen o deixou alí, quizais foi a propia Raquel? Non sei, pero aínda estades a tempo de atopalo no voso presente e algo me di que vos pode conducir a un tesouro oculto.
Só vos darei unha pista:
🕵️♂️ Está nun lugar ideal para agocharse… e darlle un susto aos mestres cando entran.
A ver quen o descobre primeiro!
Pasade un verán marabilloso,
unha forte aperta dende o futuro,
Roberto 🌟
xoves, 12 de xuño de 2025
Recuncho a recuncho
Ola, compañeiros e compañeiras do pasado!
Hoxe, na escola do futuro, estaba mirando vellas fotos da aula e atopei un plano moi curioso. Nel, cada recuncho estaba marcado como se fose parte dun mapa secreto. Lembrei canto cambiaron as cousas grazas ás vosas ideas e ocorréuseme unha nova misión para seguir transformando o espazo.
🎯 A misión de hoxe chámase: "Recuncho a recuncho".
Esta vez imos explorar a nosa aula por parellas, coma se fósemos investigadores e investigadoras do espazo escolar. Visitaredes cinco recunchos diferentes. En cada un estaredes cinco minutos, observando, pensando e debatendo. Ao final, poñeremos en común todas as ideas e propostas.
📌 Os recunchos que imos analizar son:
-
🧑🏫 Recuncho dos mestres
-
📚 Recuncho da biblioteca
-
🎨 Recuncho dos materiais
-
🎲 Recuncho de xogos
-
🌞 Recuncho das fiestras
En cada recuncho, deberedes pensar cousas como:
-
Para que serve este espazo?
-
Está ben colocado e organizado?
-
É útil, cómodo, bonito?
-
Que cambiarías para que fose mellor?
Cando todas as parellas pasen polos cinco recunchos, reunirémonos para compartir as vosas ideas. Algunhas poderemos levalas á práctica entre todos!
Lembrade: transformar a aula non é só mover mobles, senón facer que o espazo nos axude a estar mellor, a aprender máis felices e a convivir mellor.
Estou desexando ver que descubrides!
Unha aperta viaxeira,
Roberto
mércores, 28 de maio de 2025
Robots!
Bo día, amiguiños. Pensastes que me esquecera de vós?
Sígolle dando voltas as vosas propostas para mellorar a aula e moi pronto vos encargarei outra misión. De momento, e para que vexades que vos teño moi en conta, teño unha sorpresa para vós. Que é? Pois mirade, un día escoitei como lle diciades a Rubén que queríades aprender robótica. Non vos lembrades? Xa fai tempo, pero foi verdade.
Así que, hoxe ides aprender un pouco de robótica, prestade moita atención, porque estes robots van quedar no cole e podédelos usar máis veces. Quizais na extraescolar de biblioteca? Non sei, pero pasádeo moi ben con eles!