Ola, compañeiros e compañeiras do pasado!
Hoxe, na escola do futuro, estaba mirando vellas fotos da aula e atopei un plano moi curioso. Nel, cada recuncho estaba marcado como se fose parte dun mapa secreto. Lembrei canto cambiaron as cousas grazas ás vosas ideas e ocorréuseme unha nova misión para seguir transformando o espazo.
🎯 A misión de hoxe chámase: "Recuncho a recuncho".
Esta vez imos explorar a nosa aula por parellas, coma se fósemos investigadores e investigadoras do espazo escolar. Visitaredes cinco recunchos diferentes. En cada un estaredes cinco minutos, observando, pensando e debatendo. Ao final, poñeremos en común todas as ideas e propostas.
📌 Os recunchos que imos analizar son:
-
🧑🏫 Recuncho dos mestres
-
📚 Recuncho da biblioteca
-
🎨 Recuncho dos materiais
-
🎲 Recuncho de xogos
-
🌞 Recuncho das fiestras
En cada recuncho, deberedes pensar cousas como:
-
Para que serve este espazo?
-
Está ben colocado e organizado?
-
É útil, cómodo, bonito?
-
Que cambiarías para que fose mellor?
Cando todas as parellas pasen polos cinco recunchos, reunirémonos para compartir as vosas ideas. Algunhas poderemos levalas á práctica entre todos!
Lembrade: transformar a aula non é só mover mobles, senón facer que o espazo nos axude a estar mellor, a aprender máis felices e a convivir mellor.
Estou desexando ver que descubrides!
Unha aperta viaxeira,
Roberto