xoves, 10 de abril de 2025

Unha carta para a aula

Ola de novo, amigas e amigos!

Hoxe pasei un bo anaco sentado na miña vella cadeira, mirando arredor en silencio. E pensei: canto cambiou esta aula co paso do tempo… Pero tamén canto tivo que aguantar sen que ninguén lle fixese caso!

Entón fixen algo raro: faleille á aula.

Si, si, como o escoitades! Díxenlle que sentía moito que durante un tempo a quixeran converter nun trasteiro. Díxenlle tamén que agora ten xente valente, coma vós, disposta a coidala e darlle nova vida. Díxenlle que non estaba soa.

E aquí vén a vosa nova misión:

Misión 2: Escríbelle unha carta á aula

Imagina que a túa aula pode escoitarte. Que lle dirías?
Podes falar das cousas que che gustan, das que non tanto, das lembranzas que tes nela… ou dos soños que tes para o seu futuro.

Podes comezar así:

Querida aula…

Hoxe quero contarche…

Lembro cando…

Gustaríame que…


Un espazo mellora cando alguén lle fala con cariño. E vós estades facendo algo marabilloso.

Seguimos!
Roberto