venres, 20 de xuño de 2025

📜 MENSAXE FINAL DE CURSO: "Non todas as misións rematan en xuño..."

 

Ola, amigas e amigos do pasado!

Chegou o final do curso… e vaia curso máis incrible! Superastes misións complicadas, ideastes melloras para a aula, investigastes recunchos ocultos e incluso manexastes o tempo ó voso antoxo para cambiar o futuro. Estou moi orgulloso de vós!

Pero atención: o curso rematou, si… ¡pero as misións non!
Á volta das vacacións, haberá máis aventuras, novas tarefas e algunha sorpresa pendente.

Despois do verán, iremos vendo pouco a pouco os resultados do traballo feito: cousas que se transformaron, ideas que se puxeron en marcha, espazos que se irán volvendo máis vosos. Todo grazas á vosa imaxinación e esforzo.

Agora tócalle ao corpo e á mente descansar. No verán hai que cargar as pilas, xogar, rir, nadar, durmir, explorar… para volver en setembro con moitas ganas de aprender e preparados para superar novos retos que vos farán medrar aínda máis.

E antes de despedirme… teño que contarvos un segredo.

🔎 Revisando cousas na escola do futuro, atopei algo que quedou perdido na vosa aula dende a época da profe Raquel. Non sei como foi parar aí nin quen o deixou alí, quizais foi a propia Raquel? Non sei, pero aínda estades a tempo de atopalo no voso presente e algo me di que vos pode conducir a un tesouro oculto.

Só vos darei unha pista:
🕵️‍♂️ Está nun lugar ideal para agocharse… e darlle un susto aos mestres cando entran.
A ver quen o descobre primeiro!

Pasade un verán marabilloso,
unha forte aperta dende o futuro,
Roberto 🌟

xoves, 12 de xuño de 2025

Recuncho a recuncho

 Ola, compañeiros e compañeiras do pasado!

Hoxe, na escola do futuro, estaba mirando vellas fotos da aula e atopei un plano moi curioso. Nel, cada recuncho estaba marcado como se fose parte dun mapa secreto. Lembrei canto cambiaron as cousas grazas ás vosas ideas e ocorréuseme unha nova misión para seguir transformando o espazo.

🎯 A misión de hoxe chámase: "Recuncho a recuncho".

Esta vez imos explorar a nosa aula por parellas, coma se fósemos investigadores e investigadoras do espazo escolar. Visitaredes cinco recunchos diferentes. En cada un estaredes cinco minutos, observando, pensando e debatendo. Ao final, poñeremos en común todas as ideas e propostas.

📌 Os recunchos que imos analizar son:

  1. 🧑‍🏫 Recuncho dos mestres

  2. 📚 Recuncho da biblioteca

  3. 🎨 Recuncho dos materiais

  4. 🎲 Recuncho de xogos

  5. 🌞 Recuncho das fiestras

En cada recuncho, deberedes pensar cousas como:

  • Para que serve este espazo?

  • Está ben colocado e organizado?

  • É útil, cómodo, bonito?

  • Que cambiarías para que fose mellor?

Cando todas as parellas pasen polos cinco recunchos, reunirémonos para compartir as vosas ideas. Algunhas poderemos levalas á práctica entre todos!

Lembrade: transformar a aula non é só mover mobles, senón facer que o espazo nos axude a estar mellor, a aprender máis felices e a convivir mellor.

Estou desexando ver que descubrides!
Unha aperta viaxeira,
Roberto