venres, 11 de abril de 2025

Sorpresas

Seica levades un día de moitas sorpresas, xa vedes que eu me entero de todo, eh?
Pois mirade, aínda tedes unha sorpresa que vos vai encantar máis que as demais...



Que será?




Está no móbil de Rubén, aproveitade as vacacións para coller forzas, que hai novas misións agardándovos á volta.
Saúdos, amiguiños.

xoves, 10 de abril de 2025

Unha carta para a aula

Ola de novo, amigas e amigos!

Hoxe pasei un bo anaco sentado na miña vella cadeira, mirando arredor en silencio. E pensei: canto cambiou esta aula co paso do tempo… Pero tamén canto tivo que aguantar sen que ninguén lle fixese caso!

Entón fixen algo raro: faleille á aula.

Si, si, como o escoitades! Díxenlle que sentía moito que durante un tempo a quixeran converter nun trasteiro. Díxenlle tamén que agora ten xente valente, coma vós, disposta a coidala e darlle nova vida. Díxenlle que non estaba soa.

E aquí vén a vosa nova misión:

Misión 2: Escríbelle unha carta á aula

Imagina que a túa aula pode escoitarte. Que lle dirías?
Podes falar das cousas que che gustan, das que non tanto, das lembranzas que tes nela… ou dos soños que tes para o seu futuro.

Podes comezar así:

Querida aula…

Hoxe quero contarche…

Lembro cando…

Gustaríame que…


Un espazo mellora cando alguén lle fala con cariño. E vós estades facendo algo marabilloso.

Seguimos!
Roberto