Ola, amigas e amigos!
Xa estou de volta, tardei un pouco en volver falar convosco porque necesitaba revisar uns arquivos na escola do futuro. Estaredes moi intrigados coa miña última mensaxe, vóuvola explicar, todo comezou cando atopei algo que me deixou coa boca aberta: un cartafol cheo de fotos antigas da vosa aula, da época de 2025.
Nalgunhas fotos había sinais de humidade e fendas no teito, mobles bastante feos e gastados e ata uns caldeiros no medio da clase... coma se estivesen recollendo auga das goteiras! Pero o máis estraño foi atopar un documento oficial que dicía:
“Aula sen uso educativo. Posible destino: almacén de material.”
Que?! A vosa aula... como trasteiro?
Non podía crer o que lía. Porque na miña época, esa aula é un espazo fermoso, cheo de vida, cor, ideas e aprendizaxe. Un lugar onde os soños colgan das paredes e as cousas levan a mundos imaxinarios e reais. ¿Como puido cambiar tanto?
A resposta está en vós. Algo tivo que pasar. Alguén decidiu que aquela aula valía moito máis que para gardar caixas. Que merecía ser un espazo onde crecer, rir, pensar e crear.
Agora sei que ese cambio comezou con vós, en 2025, cun proxecto chamado Pinta o teu futuro.
Non lembro todos os detalles, pero si sei unha cousa: o que fagades agora pode cambiar o futuro. Non só o meu, senón tamén o doutros nenos e nenas que, coma min, precisan lugares onde se poida aprender con gusto.
Por iso, quero propoñervos unha primeira tarefa. Preparádevos, Axentes do Futuro:
🎯 Misión 1: Ollos que miran diferente
🔍 Tarefa: Observade a vosa aula como se nunca a tivésedes visto antes.
Imaxinade que estades vendo as fotos que vin eu no arquivo do futuro. Que cousas vos gustan? Que cousas non funcionan ben? Que cousas poderían ser mellores?
✏️ Proposta:
- Por grupos, facede unha lista coas cousas que cambiariades, podedes incluír debuxos!.
- Podedes tamén escribir unha pequena mensaxe para os nenos e nenas do futuro que usarán esa aula dentro de moitos anos.
🌀 Eu estarei atento ás vosas propostas. Cada paso que deades axudarame a recuperar máis datos da historia... e quen sabe, quizais tamén vos mande algún plano, mensaxe ou ferramenta especial desde a Escola do Futuro.
Ánimo! Xa empezou a transformación, envíovos unhas fichas de axuda á fotocopiadora.
O futuro… está pintado polas vosas mans.